Monday 06 de May de 2024

Executivos das principais navieiras norteamericanas coñecen a Coruña da man da xunta para impulsar o turismo de cruceiros


Os participantes coñecen hoxe o porto da cidade, a contorna marítima ou a Torre de Hércules, entre outros enclaves
Un grupo de executivos das principais navieiras norteamericanas, planificadores e responsables do deseño dos itinerarios, visitan hoxe a cidade da Coruña dentro da viaxe de familiarización organizada pola Xunta de Galicia que está a celebrar durante toda a semana en distintos puntos da Comunidade.

Na súa estadía na cidade coñecen as instalacións da Autoridade Portuaria, percorren parte da franxa marítima, visitan a Torre de Hércules e proban a enogastronomía local.

Trátase dunha acción que deu comezo o pasado sábado na cidade de Vigo que dá continuidade á promoción que vén facendo o Goberno galego nos últimos anos en Estados Unidos e que permite que estes profesionais coñezan e actualicen os seus coñecementos dos portos galegos, as súas instalacións e servizos e a nosa Comunidade como destino para enriquecer as escalas dos buques de cruceiro.

Durante esta semana, a viaxe incluíu unha visita ao porto de Vigo, así como o coñecemento da Ribeira Sacra, con visitas a San Pedro de Rocas ou Santo Estevo de Ribas de Sil. Tamén coñecen a tradición mariñeira de Galicia (Baiona, Cambados ou Combarro) así como algúns destinos urbanos como Lugo, Pontevedra ou Santiago de Compostela. A programación continuará mañá na cidade de Ferrol e o sábado partirán para os seus destinos.